domingo, 7 de febrero de 2016

AS FOGUEIRAS DO INVERNO E A GAITA

AS FOGUEIRAS DO INVERNO E A GAITA.

          Pola Candeloria, 
medio inverno vai fora!

Que curioso que o lume estea tan presente no noso calendario particular nestas datas de inverno. Existen elementos comúns no folclore peninsular e no europeo, como o do ritual do lume,  que se repiten, unha e outra vez en diferentes lugares da xeografía que presentan manifestaciois peculiares e para cada lugar se concreta coas súas propias particularidades.

Sen facer ningún tipo de consulta bibliográfica e sen contrastar coa información documental os datos que recollemos en diversas testemuñas de carácter oral,  dámonos conta do longo percorrido deste costume. Non é preciso xustificar a antigüidade destas tradicionais fogueiras. Non cabe dúbida de que son anteriores ao propio Cristianismo. Son fogueiras que prenderon homes e mulleres de muidistintas épocas e en mui diversas condiciois. Tampouco é moi difícil de entender, a propios e alleos neste asunto do patrimonio identitario, que a aparición da igrexa provocou unha curiosa multiplicación do costume, polo menos na nosa contorna derivada tamén do crecemento de poboadores e do devir irremediable da historia.

Reparemos nas distintas fogueiras das que temos referencias orais na nosa veciñanza e das distintas adxudicaciois santorais que se lles impuxeron.

Os Manueles de Ponte de Rei: Debemos saber mirar a todos os lados para coñecer mellor calquera das caras que presenta un elemento coma o que analizamos. Esta visión será por forza descentralizadora e reparará en todos os lugares a estudar por igual.  O lume facíase para recibir o ano na noite do 31 de decembro ao 1 de xaneiro tradición que se chamaba “os Manueles”. Esta fogueira coas gaitas e cantos que acompañaban,  parece lóxico pensar que como estamos nos días máis escuros, nas noites máis longas e duras do ciclo do ano, aló no fondo e na orixe sexa a celebración do solsticio que noutros lugares leva a colocar árbores e luces eses que logo impuxo a Tv a todo o mundo como símbolo da Nadal.

Isidro Álvarez, fotos D. Alejo Sandes 
O lume volve a presentarse o 27 e 28 de xaneiro en San ou Santo Tirso en Vilafranca. Trátase dunha celebración  dun mártir que é avogoso dos ósos e que  hai décadas reunía a unha gran cantidade de devotos, ao xeito dunha romaría no centro da vila ao pé da igrexa de San Francisco. Viña precedida dunha enorme fogueira. Un serie de instantáneas reproducidas recentemente en facebook  nos transportan ao entrañable e animoso ambiente desta festa e nos avisan das posibles interferencias que poden sufrir as tradiciois. Entre as fotografías, tomadas por D. Alejo Sandes, o fotógrafo documentaba unha moda asociada á tradición que non prosperou, a moda das “fallas”, que a imitación das famosas de Valencia tamén eran consumidas polo lume. Esas fotos tamén retratan a Isidro o gaiteiro e  a un grupo de bailadores. Gaitas, cantos e bailes non faltaban no adro da igrexa e na praza á calor da fogueira.




Por se foran poucas, unha terceira fogueira, esta na barriada do Castelo e á beira da igrexa de Santiago, escolle nesta ocasión como advocación relixiosa a San Blas, o avogoso das doenzas da gorxa. Isidro, entroutros gaiteiros veciños, exercían como músicos con frecuencia.  Trátase dun lume que se prende tamén na véspera, neste caso do 2 cara ao 3 de febreiro. Esta réplica da anterior confirma a funcionalidade da  tradición popular. O refraneiro é o que nos lembra que estamos na Candelaria ou Candeloira, na que se di que medio inverno vai fóra, como un eco que mantén na memoria presente a asociación do lume á estación.  

Queremos concluír este apuntamento preguntándonos:  Existía unha fogueira o día 20 de xaneiro día de San Sebastián, antigo Patrón da vila? Antes de que se estinguise o seu culto en Vilafranca, ao longo do século XIX , e que fose substituído polo Sto. Cristo da Esperanza Habia gaiteiros tocaban gaiteiros na súa procesión?   Deste asunto si que procuramos información, pero non podemos asegurar que ademais das celebraciois relixiosas (misa solemne e procesión incluída) que os historiadores locais sitúan ben na Colexiata, ben no Convento da Concepción, houbesen fogueira e gaiteiros.  En 1589 Vilafranca sufrira un terrible azote da peste e quizais sexa esta a orixe na vila da festividade do santo avogado deste tipo de enfermos. Talvez nesta ocasión non se usara o lume, pero se nos fai máis dificil pensar que non se contase coa presenza de gaiteiros ou outros instrumentistas, acompañando a danzantes nesa procesión, como era habitual neste tipo de  celebraciois.

      Deixamos eiquí un vídeo dunha desas danzas que seguro garda algunha semellanza coas que sabemos existiron en Vilafranca e que lamentablemente desapareceron. A do vídeo aínda vive e se baila no San sebastián de Aldán (Pontevedra):





No hay comentarios:

Publicar un comentario