martes, 23 de agosto de 2016

Gaiteiros do país na identidade berciana

Que redonda e contundente é a expresión popular  “os gaiteiros do país”  á hora de darlle nome a algo tan simple e tan complexo á vez como a contorna cultural. Sempre me chamou a atención esta fórmula tradicional de entender a gaita e os gaiteiros como algo propio. Se o Bierzo ademais pasa por ser unha entidade difícil de definir, a comarca, que na frase sabia e popular convértese en "pais", non deixa de manter a ambigüidade fronteiriza necesaria porque son considerados do país, por veces, gaiteiros do Cebreiro ou do Courel, de Valdeorras ou da Cabreira, posto que conviven e conforman ese mundo cultural que rodea a gaita e falan no mesmo idioma musical co que nos identificamos e como tal son tan do país como os que máis.

Sentimos a gaita desde moi pequenos como parte dese descubrimento lento,  profundo e insustituible que nos leva a coñecer o noso primeiro mundo, ese paraíso da infancia, hoxe perdido.  A gaita, como sen querelo, emerxe naquel proceso de formación, de interiorización da nosa cultura, dándolle sentido a ese “país” .  Se os sons da gaita, o agudo do punteiro e o grave do seu roncón sorprendéronnos á forza sendo ninos, o contexto no que aparecía en días sinalados nese discorrer pausado dos tempos da infancia, foi, sen dúbida, tan impactante e transcendente que aínda agora, transcorridos máis de 50 anos, son quen de facer percorrer por todo o noso corpo un conxunto de reacciois físicas e mentais difíciles de referir. Un arrepío intenso, pelos en punta e un reclamo das bágoas nos ollos que flúen sen querer e de alegría, son habituais nun  xogo de emociois colectivas vividas en familia, cos amigos e cos veciños, acompañadas de foguetes, campás e, no noso caso, facendo bailar aos xigantes e cabezudos, que de terlles verdadeiro terror infantil , hoxe pasaron a ser identificados como a alma da festa, parte indisoluble da nosa personalidade e esa música da gaita que os acompaña nada máis, nin nada menos, que o seu himno.

Reparando nese proceso de asimilación da cultura propia e partindo da experiencia persoal e local, entendemos primeiramente que, en esencia, é ese proceso igual ao que puideron sentir hai cen, douscentos ou trescentos anos calquera berciano ou berciana; aínda máis, que debe ser moi semellante ao progreso que desde a máis remota antigüidade cada membro dunha comunidade tribal experimentaba á hora de ir conformando a súa personalidade ou identidade patrimonial. 

Está claro que un instrumento só non exerce sobre as persoas tanto poder, pero se ao conxunto das reacciois físicas, aos sons de instrumentos determinados en momentos precisos engadímoslles,  xunto a eles, emotivas manifestaciois colectivas de unidade dunha pequena sociedade de homes e mulleres, ninos e vellos, nais e avoas, e se, sobre todo, estes rituais son reiterados no tempo ao ritmo do calendario das estaciois, veremos que,  de vello, estes actos tan sinxelos conforman paseniño as  poderosas tramas da singularidade dun pobo ou dunha comunidade.  
  
A nosa vivencia entendémola logo coma un mecanismo de socialización elemental que pretendemos investigar desde a raíz e cun dobre obxectivo: o de contribuír a esa memoria cultural do noso patrimonio inmaterial e fortalecer así a nosa identidade, pois non cabe dúbida, de que nos tempos de uniformizaciois e globalización que corren este tipo de traballos sonvos moi necesarios para non perder a nosa singularidade, a nosa identidade, esa que fai máis rico e diverso o noso planeta. Unha luita lexítima e xusta pola diversidade cultural da humanidade.

 Estamos convencidos de que a gaita é un deses elementos esenciais que conforman a cultura tradicional  do Bierzo. Obvio é que o Bierzo é singular,  existe unha certa e prolongada controversia sobre a súa identidade, pero se as tradiciois consolidan a personalidade dos pobos, a presenza e pervivencia ao longo dos tempos da música da gaita no país é un dos seus trazos definitorios indiscutible, na mesma esencia dese patrimonio cultural que pretendemos abordar.

Se cadra hai outros máis contundentes, como é o caso da lingua. Xa temos dito algo sobre a lingua dunha gran parte destes gaiteiros,  lingua coa que chamaban aos bailes que interpretaban, coa que poñían letra ás súas melodías. A lingua fala do pensamento, expresión interior do saber debe ser tamén considerada por ser unha das tradiciois máis antigas desta terra. Por iso usamos o idioma no que nos falaron tantos e tantos gaiteiros do país e será compañeiro nesta andanza, tamén por ser esoutro trazo esencial da nosa identidade cultural. Á lingua debemos, en definitiva, a maxistral expresión "gaiteiros do país".

viernes, 19 de agosto de 2016

Un merecido premio a unha nova aproximación ao mundo da gaita no Bierzo

Acabamos de saber do premio a un traballo de investigación titulado “Aproximación a la gaita y su uso en el Bierzo y la Cabrera “ de Diego Bello, e quixeramos darlle unha benvida (antes incluso de ter ocasión de ler o texto, cousa que estamos desexando facer), alegría e parabéns acompañados  dunha reflexión inmediata.  O título "aproximación" fíxonos pensar na idea coa que tamén iniciabamos o noso xa vello traballo sobre o Achegamento a un século de gaiteiros nos lindes culturais galegos  e que, xunto a algunha publicación relevante máis, invita a culminar estes apuntamentos de breves aportes cunha obra máis completa que reúna este conxunto de pezas entroutros.



Entrega do II Premio Antonio Estévez ao gaiteiro berciano Diego Bello.


Aquela gaita que desde que eramos ninos nos levou á cultura ancestral do pobo, foi logo bandeira na adolescencia da nosa luita pola recuperación e o respecto pola tradición nos anos 80, puxemos así en marcha en Vilafranca a primeira Escola de Gaitas do Bierzo, sempre da mao dos gaiteiros tradicionais, maiores xa, Isidro, Pepe, Leo, Lisardo, Emilio, Domiciano...  A idea de situar no seu lugar á gaita, un lugar determinante na cultura tradicional no Bierzo.  

Outramente cos gaiteiros vellos, ademais de tocar, tamén falamos para facer memoria e afondar nas raíces da tradición. Xurdiu así un pequeno traballo sobre un século de gaiteiros no Bierzo nos anos 90 que servía de asentamento teórico da nosa convicción sobre a transcendencia da gaita para a definición do Bierzo tradicional. Este traballo, á forza, incompleto, non podía ser máis que un achegamento á espera dun labor de campo, dunha experiencia maior, dunha ampliación de coñecementos musicais...


Pasou o tempo e morreron muitos deses vellos gaiteiros, apareceu algunha publicación máis xa no século XXI que foi aportando máis datos e información  (por exemplo, Rafael Busto La Gaita en el Oeste de la Provincia de León(2008).) Hoxe cremos que foron superados aqueles condicionantes que nos impedían avanzar á hora de darlle corpo ao traballo, e aínda que outros novos nos asaltan, pensamos que é momento de abordar  un traballo teórico consistente co conxunto de elementos que fomos reunindo aos que temos que sumar recentes aportaciois de novos investigadores, como é o caso de Diego Bello, que tamén son un aliciente grande para dar este paso e superar na medida do posible  para o mundo da gaita no Bierzo aquel nivel de aproximación no que aínda estamos.  


domingo, 17 de julio de 2016

E cuando non había gaita?...

Estaban en primeiro lugar as pandeiras e se cadra antes os pandeiros. Imos na procura do mundo musical tradicional que rodea e complementa ineludiblemente ao da gaita e gaiteiros.

A pandeira de Ancares

Canto, xota e moliñeira de Candín


miércoles, 13 de julio de 2016

Fabricando unha pipa de castañeiro

Pablo Carpintero colgou no seu facebook esta intervención súa no Luar facendo unha pipa coa cortiza do castañeiro.
Como sempre este espectacular gaiteiro e investigador está ben documentado como podedes apreciar nesta entrada sobre a pipa no seu monumental libro sobre os Instrumentos musicais na tradición galega (que, como ben podedes intuír, tamén inclúe ao Bierzo) un marabilloso e completisimo traballo digno de coñecer e difundir. Grazas aos autores e grazas ao Consello da Cultura que colgou no 2011 esta versión para a súa difusión vía dixital, unha espléndida iniciativa que nos gusta e coa que queremos contribuír dende este humilde blog. Trátase dunha obra voluminosa que describe 150 instrumentos e que na versión dixital incorpora vídeos o que enriquece aínda máis a copiosa documentación coa que está elaborada.

 Volvendo ao tema da pipa, Carpintero fala tamén da gaita de alcacén que é outro tipo de instrumento de feitura popular que servía de iniciación como o da pipa de castañeiro, pero que se usaba máis noutras zonas, cuxa apreciación é realmente interesante á hora de coñecer os primeiros pasos dos nosos gaiteiros tradicionais.


lunes, 18 de abril de 2016

A gaita (galega) en León

A pesar das cores do traxe esta é unha gaita galega.
Parece ser que a gaita en León vai tendo unha serie de estudos que axudan a ir asentando algo que nun principio costaba defender. Referímonos a existencia de gaita galega no Bierzo. Lembramos como lles costaba recoñecer que na nosa comarca a gaita que soaba era a galega. Por exemplo, en publicaciois como o xa citado traballo de José Luis Alonso Ponga e Amador Diéguez Ayerbe titulado "Etnografía y folklore de las comarcas leonesas. El Bierzo" editado no ano 1984 que reproducimos literalmente:
"Respecto a la gaita de fole, otro de los instrumentos que se han utilizado mucho hasta ahora, diremos que no queremos llamarla gallega ni asturiana, porque aub cuando sea similar a éstas, sin embargo, la gaita de fole del Bierzo era construida por los propios gaiteros y solo modernamente se pueden ver gaitas de importación de "allende el Cebrero".

Hoxe xa se recoñece abertamente que no Bierzo a tipoloxía e a sonoridade da gaita é galega. Véxase como exemplo este audio da cadena ser de León, que leva por título "la gaita en el norte de León".

domingo, 7 de febrero de 2016

AS FOGUEIRAS DO INVERNO E A GAITA

AS FOGUEIRAS DO INVERNO E A GAITA.

          Pola Candeloria, 
medio inverno vai fora!

Que curioso que o lume estea tan presente no noso calendario particular nestas datas de inverno. Existen elementos comúns no folclore peninsular e no europeo, como o do ritual do lume,  que se repiten, unha e outra vez en diferentes lugares da xeografía que presentan manifestaciois peculiares e para cada lugar se concreta coas súas propias particularidades.

Sen facer ningún tipo de consulta bibliográfica e sen contrastar coa información documental os datos que recollemos en diversas testemuñas de carácter oral,  dámonos conta do longo percorrido deste costume. Non é preciso xustificar a antigüidade destas tradicionais fogueiras. Non cabe dúbida de que son anteriores ao propio Cristianismo. Son fogueiras que prenderon homes e mulleres de muidistintas épocas e en mui diversas condiciois. Tampouco é moi difícil de entender, a propios e alleos neste asunto do patrimonio identitario, que a aparición da Igrexa provocou unha curiosa multiplicación do costume, polo menos na nosa contorna derivada tamén do crecemento de poboadores e do devir irremediable da historia.

Reparemos nas distintas fogueiras das que temos referencias orais na nosa veciñanza e das distintas adxudicaciois santorais que se lles impuxeron.

Os Manueles de Ponte de Rei: Debemos saber mirar a todos os lados para coñecer mellor calquera das caras que presenta un elemento coma o que analizamos. Esta visión será por forza descentralizadora e reparará en todos os lugares a estudar por igual.  O lume facíase para recibir o ano na noite do 31 de decembro ao 1 de xaneiro tradición que se chamaba “os Manueles”. Esta fogueira coas gaitas e cantos que acompañaban,  parece lóxico pensar que como estamos nos días máis escuros, nas noites máis longas e duras do ciclo do ano, aló no fondo e na orixe sexa a celebración do solsticio que noutros lugares leva a colocar árbores e luces eses que logo impuxo a Tv a todo o mundo como símbolo da Nadal.

Isidro Álvarez, fotos D. Alejo Sandes 
O lume volve a presentarse o 27 e 28 de xaneiro en San ou Santo Tirso en Vilafranca. Trátase dunha celebración  dun mártir que é avogoso dos ósos e que  hai décadas reunía a unha gran cantidade de devotos, ao xeito dunha romaría no centro da vila ao pé da igrexa de San Francisco. Viña precedida dunha enorme fogueira. Un serie de instantáneas reproducidas recentemente en facebook  nos transportan ao entrañable e animoso ambiente desta festa e nos avisan das posibles interferencias que poden sufrir as tradiciois. Entre as fotografías, tomadas por D. Alejo Sandes, o fotógrafo documentaba unha moda asociada á tradición que non prosperou, a moda das “fallas”, que a imitación das famosas de Valencia tamén eran consumidas polo lume. Esas fotos tamén retratan a Isidro o gaiteiro e  a un grupo de bailadores. Gaitas, cantos e bailes non faltaban no adro da igrexa e na praza á calor da fogueira.




Por se foran poucas, unha terceira fogueira, esta na barriada do Castelo e á beira da igrexa de Santiago, escolle nesta ocasión como advocación relixiosa a San Blas, o avogoso das doenzas da gorxa. Isidro, entroutros gaiteiros veciños, exercían como músicos con frecuencia.  Trátase dun lume que se prende tamén na véspera, neste caso do 2 cara ao 3 de febreiro. Esta réplica da anterior confirma a funcionalidade da  tradición popular. O refraneiro é o que nos lembra que estamos na Candelaria ou Candeloira, na que se di que medio inverno vai fóra, como un eco que mantén na memoria presente a asociación do lume á estación.  

Queremos concluír este apuntamento preguntándonos:  Existía unha fogueira o día 20 de xaneiro día de San Sebastián, antigo Patrón da vila? Antes de que se estinguise o seu culto en Vilafranca, ao longo do século XIX, e que fose substituído polo Sto. Cristo da Esperanza, habia gaiteiros na festa ou tocaban gaiteiros na súa procesión?   Deste asunto si que procuramos información, pero non podemos asegurar que ademais das celebraciois relixiosas (misa solemne e procesión incluída) que os historiadores locais sitúan ben na Colexiata, ben no Convento da Concepción, houbesen fogueira e gaiteiros.  En 1589 Vilafranca sufrira un terrible azoute da peste e quizais sexa esta a orixe na vila da festividade do santo avogado deste tipo de enfermos. Talvez nesta ocasión non se usara o lume, pero se nos fai máis dificil pensar que non se contase coa presenza de gaiteiros ou outros instrumentistas, acompañando a danzantes nesa procesión, como era habitual neste tipo de  celebraciois.

      Deixamos eiquí un vídeo dunha desas danzas que seguro garda algunha semellanza coas que sabemos existiron en Vilafranca e que lamentablemente desapareceron. A do vídeo aínda vive e se baila no San Sebastián de Aldán (Pontevedra):