domingo, 20 de diciembre de 2015

Unha triloxía sobre a gaita

Están botando  pola TVG este mes dedecembro un gran traballo audiovisual de difusión, recente e moi interesante. Consta de tres partes. A 1ª parte  podes vela no seguinte enlace: CRTVG un documental sobre a gaita galega.

O programa “Naqueles Tempos” comeza hoxe unha triloxía sobre a gaita galega, desde as súas orixes remotas, hai tres milleiros de anos, ata a explosión de gaiteiros e gaiteiras nos anos 90.
Esta entrega do espazo da TVG abranguerá desde as orixes do instrumento ata o inicio da Guerra Civil Española. Os anos escuros do medievo, o rexurdimento, a simboloxía do gaiteiro, a relixiosidade, a festa, etc. son algúns dos argumentos dun programa en que se falará de figuras como Ventosela, Perfecto Feijoo, Santalices e Avelino Cachafeiro, entre outras.

Conducido por Helena Soto e Moncho Lemos, participarán nesta entrega de “Naqueles Tempos” Pablo Carpintero, Hught Cheape, Xabier Blanco, Lorena López Cobas, Xosé L. Foxo, Ana Filgueiras, Xosé A. Durán, Antón Santamarina, Xesús Alonso Montero, Cástor Castro, Anxo Pintos, Xosé M. Rivas Troitiño, Antón Corral, Xosé Ferreirós e Xaime Estévez.

Tamén podes ver  a segunda entrega da triloxía na que se aborda o mundi da gaita galega dende a Guerra civil á morte de Franco, facendo memoria de feitos tan curiosos como os da recolleita de Alan Loman de 1952 entroutos a un gaiteiro da Gudiña, Faustino Luis Seoane, da implantación da "Sección Femenina" polo réxime franquista, e dando logo  un repaso polas principais formaciois que resistiron naqueles anos difíciles: Os irmáns Garceira de Melide, Airiños do Parque de Castrelo de Vigo, Os Morenos de Lavadores, Os Irmáns Portela,  Os Montes de Lugo, Os Campaneiros de Vilagarcía, Os Areeiras de Catoira, Os Tempranos da Coruña, Os Rosales de Rianxo ata chegar aos Faíscas do Xiabre e os Raparigos de Ferrol. Gustonos comprobar que o traballo que realizamos xa hai un tempo colaborando e impulsando o proxecto da realización dun estudo sobre a vida e a obra dos Campaneiros é un material recoñecido e incorporado a traballos posteriores coma este audiovisual, especialmente no tocante a anécdotas de interese como a aspectos gráficos (un gran número de fotografías que reproducimos no libro editado no ano 2005)
Título do programa da TVG que emite a triloxía.
Citanse a todos eles tanto polo feito de gravar como de manifestar esa diversidade de repertorio e mesmo sonora que era daquela unha característica ao tocaren con gaitas de dististas afinaciois que eran representativas das distintas zonas (algo que comentamos xa noutra entrada titulada a gaita folclórica a debate): as grileiras e o maior uso de adornos das Rías Baixas, o Si bemol e un uso máis sobrio das comarcas do norte e o interior de Galicia,

Aínda faltaba a emisión  da terceira parte desta triloxía  cando creamos a entrada, que finalmente se emitiu o 23 de decembro. nesta terceira parte nótase máis a ausencia de voces menos institucionais e máis críticas co devir da gaitas nas últimas décadas. ë moi evidente, por exemplo, a importancia que se lle dan ás tomas de posesión de Manuel Fraga como presidente da Xunta coa presenza de centos e centos de gaiteiros ou  na chamada "guerra das gaitas" darlle voz a Foxo e non ofrecer ao telespectador unha opinión de contraste en tempo e forma como a da Asociación de Gaiteiros Galegos, co que dalgún xeito convértese o documental por momentos e parcial e falta de obxectividade.

 Os tres programas son un repaso áxil sobre a historia do instrumento que a pesar de centrarse en Galicia, reproduce indirectamente as idas e vidas polas que pasaron os gaiteiros e o mundo da gaita tamén na nosa comarca do Bierzo.  Nosoutros eiquí no Bierzo, ao igual que se fai na primeira parte da serie, podemos ratrexar a presenza dos gaiteiros ao longo da historia tanto en testemuñas artísticas do estilo de figuras de retablos das nosas igrexas, como en textos de autores do Rexurdimento afincados no Bierzo coma Antonio Fernández Morales, que editou os seus versos en galego do Bierzo dous anos antes que Rosalía e que nomea ao gaiteiro de Sorribas e a presenza da gaita nas vendimas de Vilafranca. E logo, a historia do gaiteiro da Gudiña que aparece na segunda entrega, podería ser en gran medida a historia de muitos dos nosos interpretes tradicionais, a meirande parte falecidos xa, Isidro, Pepe, Emilio... Outro aspecto interesante deste documental é que nos axuda a entender o mundo da gaita no seu conxunto pois, sen lugar a dúbidas, formamos parte deste mundo que se retrata nestes programas nos que botamos de menos algunha chiscadela á existencia de gaiteiros de gaita galega máis aló do Cebreiro.

martes, 18 de agosto de 2015

“TOCAR BAJO TEITO”, UN BLOG IRMAO.

Cando naceu GAITEIROS DO BIERZO (aló no mes de decembro do 2012) había un certo oco por cubrir no panorama da música tradicional e no mundo da gaita no Bierzo na rede, nese universo multicultural da aldea global. Ese oco que esperabamos humildemente ir enchéndoo en solitario con aportes documentais e de opinión desde a Escola de Gaitas de Villafranca, conscientes de que algo podemos dicir partindo da primeira experiencia e ferramenta para reformular o folclore no Bierzo da que  nos dotamos no ano 1981 Iso é o que vimos facendo mellor ou peor estas décadas que temos de vida. Pero dende aquela xa choveu e son sempre benvidas outras iniciativas, máis recentes e enriquecedoras que contribúen poderosamente a esta nova visión da nosa cultura. “Tocar bajo teito” xa no mesmo nome deixa entrever ese espírito aberto do que se nutre e que logo nas súas diversas entradas se constata e confirma. O valor do traballo de Diego e Denise axiña aflora ao observar a importancia que se lle dá á musica de raíz e o trato que se lle outorga aos gaiteiros ou pandereteiras. Incorporan ademais un rigor técnico encomiable ao ser músicos que non só utilizan o oído, e, como precisan os tempos que corren, usan pentagramas e notaciois musicais hoxe imprescindibles.  Sentimos logo moi próximo o seu traballo. Seguen os mesmos pasos, mesmo falan das pezas e gaiteiros cos que hai anos comezamos nosoutros a crear un repertorio propio para a nosa Escola e o mundo da gaita do Bierzo, con pezas da comarca, do que tradicionalmente os vellos dirían que son pezas "do país”.

Que no ámbito da música tradicional na nosa comarca e no medio da confusión e deformación existentes se estean a dar pasos serios e rigorosos como este, realmente nos alegra. Alégranos igualmente que aborden  con afouteza e decisión o tema da gaita na Cabreira que sen dúbida tein unha entidade peculiar e merece afondarse nela, se ben como Diego e Denise recoñecen,   a imposibilidade dun acceso directo aos vellos gaiteiros constitúe un terrible atranco para a investigación presente.

Consideramos de vital importancia non perder o camín, e observando os contidos e traxectoria do blog Diego Bello e Denise Silva  ao longo deste ano de vida (naceu no mes de setembro de 2014) gustaríanos facerlles chegar a nosa máis sincera felicitación e o noso ánimo tras comprobar o seu bon facer.  Outramente desde a nosa non profesional, pero si apaixonada dedicación ao mundo da gaita botámoslle unha ollada ao panorama da gaita do Bierzo, tirando da perspectiva da que gozamos, quixeramos dar a coñecer, a modo de caderno de notas,  algunha reflexión máis sobre o que aconteceu desde o momento en que uns cantos mozos  decidimos fundar a denominada Escola de gaitas de Vilafranca ata hoxe, coa intención de valorar con xustiza o traballo destes dous mozos. 



Desde 1981, desde a volta á democracia, o movemento asociativo e cultural, seguindo as dinámicas da superación do Franquismo e fronte as súas rémoras, comezamos unha “batalla” incruenta, pero dura, en defensa da cultura tradicional oprimida durante esa longa noite baixo o imperio dunha España gris que era incapaz de respectar a diversidade e que todo o quería uniformar. Esa España triste e ruín non desapareceu inmediatamente á morte de Franco. Como en todo proceso de transformación, a volta á democracia, a unha verdadeira democracia, foi tan, tan lenta que aínda hoxe estamos a sufrir e a loitar para recuperar plenamente a dignidade perdida e abafada tanto tempo polo caciquismo, a marxinación e o desleixo. É certo que as tradiciois, por outra banda, se resisten a desaparecer, e aquelas que estaban ben arraigadas e levaban séculos en vigor, tiveron por veces  fortuna e souberon manterse e chegar a tempos nos que os avances e dinamismo cultural propios dos nosos días lles deron pulo, aínda que, como comprobamos, non sempre se produciron con resultados satisfactorios e o mundo da gaita é un bo exemplo para observar esta evolución/ involución dun tempo acó.

É certo que naceron con afán de recuperar un patrimonio a piques de desaparecer humildes  iniciativas como a nosa, pero tamén é certo que por intereses de diversa índole se crearon “novas” prácticas fillas de vellos usos da cultura do poder. Para que se nos entenda:  Os gaiteiros tradicionais non desfilaban militarmente uniformados. Estas iniciativas lonxe de axudar a unha recuperación digamos sostible da gaita no Bierzo, produciron e producen aínda confusión. Esa distorsión do que é a musica tradicional está remitindo día a día e precisa de iniciativas como a que se desprende de Tocar bajo teito para albiscar un futuro mellor.

Nunha próxima entrada prometemos algúns comentarios máis substanciosos e en detalle sobre algunhas das interesantísimas páxinas que o blog Tocar bajo teito nos ofrece. Alegrámonos sinceramente de que aparezan novos compromisos estimulantes co mundo da gaita e a música tradicional no Bierzo. Un saúdo meus.


viernes, 13 de febrero de 2015

CLEMENTE, GAITEIRO DE FERREIRA (Ibias)

 Onte día 12 de febreiro morreu Clemente Díaz López aos 94 anos de idade, un gaiteiro que coñecimos hai xa unha chea de anos cando realizamos unha visita a Ibias para coñecer a música dos gaiteiros da zona  no noso interese por contrastar o que se facía nesa zona sabendo que había algúa relación con certas zonas do Bierzo, como non podía ser doutra forma. Daquela e daquelas charlas e tocatas, quedamos en realizar un encontro en Vilafranca con gaiteiros do Bierzo que logo foi adiante e ao que acudiu Clemente.
O Encontro de Gaiteiros tradicionais que se realizou un 28 de decembro de 1991 coincidindo co X aniversario da Escola de Gaitas que organizaba o asunto tivo a sorte de contar coas magníficas interpretacios de Clemente que encandilaron ao público e que dalgún xeito quedou constancia na gravación do evento que TECNOSAGA tivo a ben editar pouco despois.
 Máis recentemente a colección Os nosos gaiteiros de Cumio editou un cd ( que inclúe varios vídeos) que dá unha idea fiel
do valor do seu repertorio. Un traballo que merece a pena coñecer e que recomendamos vivamente
 Fixemos esta pequena reseña, porque era debida, pero quedamos comprometidos a redactar unha entrada máis estensa e menos urxente. A emoción, alegría e claridade coa que este gaiteiro nos transmitía os seus saberes nunca a esqueceremos. Adeus, Clemente.

Un documental sobre Clemente na TVG: Alalá.