martes, 30 de julio de 2013

Gaiteiros das comarcas leonesas



Baixo o título "Farrapos, furacos y foles" vén de editarse un traballo que procura recoller a diversidade actual do mundo da gaita nas comarcas da provincia de León. Trátase dun traballo que reúne unha ampla representación de temas e de gaiteiros do Bierzo, a Cabreira, Llaciana pero tamén unha máis tímida presenza de temas e gaiteiros doutras comarcas centrais e orientais da provincia como Babia ou da chamada Montaña leonesa. Faremos logo unha breve reseña crítica deste CD.

En primeiro lugar, temos que valorar como moi positiva a iniciativa que, coordinada polos gaiteiros Rodrigo Martínez e Victor Astorgano, reúne a 18 intérpretes de distintos puntos tentando dar idea do conxunto de agrupaciois e avances que se veñen realizando sobre a gaita de fol desde hai uns 25 anos e que supuxeron un incremento considerable de novos gaiteiros/as na provincia.

O CD, seguramente sen querelo, reflicte a evidencia ao reafirmar algo que xa temos constatado á hora de falar da extensión da gaita, de fol e/ou tradicional no que é hoxe o territorio leonés: a maior presenza do instrumento nas comarcas occidentais, menor a medida que avanzamos cara oriente (dos temas tradicionais que se gravaron, a maioría, 18 pezas, pertencen ao Bierzo e 9 á Cabreira, sumando unhas 27, que supoñen algo máis do 50 por cento do CD). 

Un dos logros deste traballo, para quen non coñeza as vicisitudes do mundo da gaita na provincia, é que reproduce, en gran medida, a variedade do fenómeno musical asociado a este instrumento, aínda que se cadra o desequilibrio entre a parte oriental e occidental é, na realidade, aínda máis pronunciado.  Amósase, iso si, o esforzo por recuperar e ampliar o repertorio da gaita nos lugares e comarcas onde habitualmente se silenciaba a súa presenza.

Con moi bo criterio, segundo a nosa opinión, esta iniciativa musical respecta a formación máis tradicional dos gaiteiros solistas, ese bon facer dos gaiteiros populares, desterrando acertadamente a distorsión que supón o fenómeno recente das bandas de gaitas que loxicamente son obviadas. Se temos en conta que a maior parte dos temas gravados son catalogados como tradicionais (aínda que poderiamos falar dunha certa incoherencia ao introducir 7 temas de autor nun total de 52) normalmente aparecen amalgamados, pois o conxunto de 18 intérpretes tocan dúas ou tres pezas (hai quen seleccionou ata cinco) o que produce unha sensación auditiva máis variada e rica, difundindo temas descoñecidos ou redescubrindo outros que permanecían un tanto ocultos ou dispersos en gravaciois dos anos 90, ás veces difíciles de conseguir.

Sobre a filosofía do traballo tamén quixeramos anotar certas eivas que presentan o conxunto de pezas do CD, como é o “totum revolutum” pouco didáctico de pezas colocadas aparentemente sen criterio, o que pode levar á confusión dos neófitos e a pensar que un territorio administrativo con 150 anos de vida (como a división provincial actual)  é igual ao das distintas culturas tradicionais que nel conviven. Alberto Jambrina na reseña que se inclúe na carátula de Farrapos, furacos  y foles  dalgún xeito cremos que “desculpa” que se reúnan “gaitas gallegas y asturianas en do y en si b”  a carón de “gaitas que podemos fijar dentro de un contexto pastoril de afinaciones neutras”. Estamos a reproducir certos prexuízos na análise da situación da gaita nos últimos cen anos, evitando catalogar as cousas polo seu nome. De aí que o mesmo Jambrina fale de “varias prácticas gaiteras” sen rachar de cheo coas vellas teimas das influencias e “vinculaciones con las zonas limítrofes” á hora de abordar a existencia de distintas gaitas nas que se deu simplemente unha evolución digamos "natural" como a que temos que admitir para a gaita no Bierzo ao longo do século XX, sendo tan propias as denominadas gaitas de fol, como as galegas.   Ollo!,  a evolución da gaita no Bierzo foi en paralelo á de gran parte de Galicia, logo, é tan propia como a denominada “gaita de fole” que en realidade se corresponde a un estadio anterior. Isto si que o recoñece abertamente Jambrina “afinaciones naturales de muchos instrumentos populares de viento de todo el mundo incluidas numerosas gaitas antiguas de Galicia, Asturias y Portugal”. A saber, nuns lugares deuse esa evolución (insistimos desde comezos do XX) do modelo tradicional de gaitas que se preparan para os dúos, como é o caso do Bierzo, noutros estase a dar un proceso de transición, posiblemente na Cabreira, e noutros unha situación de “recesión/estancamento” do uso do instrumento de características normalmente máis primitivas. Evidentemente non podemos considerar tradicional o que fan os gaiteiros desde hai tan só 20 anos.


Botamos de menos, nun traballo de difusión coma este, un complemento (mesmo en formato PDF, como o que se facilita aos interesados reproducindo as partituras das pezas do CD e é un material de agradecer) un pequeno estudo que faga algún tipo de comentario e análise sobre o repertorio gravado.  O comentario de Jambrina na reseña resulta escaso e insuficiente, volvendo a usar circunloquios como "la moliñeira de Sésamo hemos de contextualizarla en el Bierzo y en la ligazón de esta zona con Galicia", en lugar de falar claramente de repertorio de corte galego,  pensando na aprendizaxe e fixación de criterios claros para os gaiteiros actuais e futuros. O estudoso da Escuela de Folklore de Zamora naturalmente faise eco de semellanzas que se dan especialmente entre o repertorio cabreirés e o de Zamora, ou os obvios entre a tonada asturiana e a montañesa, mesmo se preocupa pola relación da chifra e da súa influencia no repertorio da gaita.  Gustaríanos que houbese algún comentario máis profundo partindo da particulariedade que se dá neste territorio da confluencia do mundo da gaita co da chifla, semellante aos certeiros que fai o galego Pablo Carpintero no seu libro Instrumentos musicais na tradición galega(2009) ou  na dirección que apuntan outros traballos citados no noso libro  Palillos de Madeira (2010) sobre os xigantes e cabezudos de Vilafranca, no capítulo referido á danza e aos gaiteiros.



Para coñecer outras referencias sobre este traballo na prensa: no Diario de León 2012  e no 2013. O traballo está editado polo selo Música Contsume