domingo, 30 de diciembre de 2012

A lingua da gaita e dos gaiteiros do Bierzo (e II)


Rematabamos a entrada anterior facendo referencia  ao evidente encontro de culturas que se dá no Bierzo, pero non para negar a realidade, é dicir, a diversidade existente que se concreta nunha cultura tradicional galega e outra astur-leonesa que se atopan na comarca. Ollo, pero esta relación vai máis alá da “influencia dunha cultura veciña no territorio propio da outra ” como se ten dito intentando minimizar os trazos inequívocos que definen a galeguidade cultural dunha parte do Bierzo.  Tampouco responde á realidade afirmar que o Bierzo goza dunha cultura propia e diferenciada por riba das influencias das culturas veciñas. Son a diversidade e a convivencia de ambas culturas na comarca as que, sen lugar a dúbidas, nos dan carácter e forxaron desde tempos remotos a nosa forma de ser;  diversidade que debemos poñer en valor e manter na mesma medida que queremos preservar a nosa identidade nun mundo cada vez máis globalizado e desarraigado.  
Non fomos nós os primeiros que á hora de falar da gaita usamos a lingua para defender a nosa visión sobre os pormenores da extensión da gaita na comarca no pasado.  Se utilizamos ese argumento foi na procura dunha resposta ante unha análise imprecisa e interesada que deformaba a realidade do noso folclore para negar o seu galeguismo ou se se quere demostrar o seu leonesismo.  Abordamos a cuestión con criterios de “ecoloxía cultural” emulando un concepto frecuentemente utilizado para referirse á lingua por varios escritores.  Un destes autores, o polifacético berciano Valentín Carrera, falando da lingua galega no Bierzo defende que esa fala actúa como o óso ou o lobo, cando atravesan os Ancares lugueses en dirección a Somiedo pasando polo territorio pertencente administrativamente a León sen percatarse das fronteiras dos homes, xa que o hábitat do parque natural dos Ancares é idéntico e está compartido por ambos lados das montañas (esteas nunha comunidade autónoma ou noutra).  Nós tamén cremos que a cultura galega, de Valdeorras e o Cebreiro, ou dos Ancares e o Caurel,  presenta idénticas manifestaciois que as que se dan no Bierzo galego falante e, do mesmo xeito, que pasa coa lingua no ámbito filolóxico, a gaita é un dos síntomas da música tradicional máis evidentes e notables dese patrimonio cultural galego propio da nosa comarca.



Vexamos o mapa do territorio galego falante do Bierzo e observemos que se superpoñemos os datos sobre os gaiteiros que temos da comarca,  podemos deducir que nos municipios de fala galega hai maior presenza de gaiteiros tradicionais ao longo do século XX.  Mesmo nun mapa tan limitado como o de Alonso Ponga e Diéguez Ayerbe que inclúe ademais do Bierzo a comarca da Cabreira coa que existen tamén claras diferenzas entre a situación lingüística e a musical do Bierzo .

 Xa que estamos falando das linguas como unha manifestación significativa dunha cultura, unha primeira diferenza a sinalar sería a da lingua que falan maioritariamente os nosos gaiteiros. Namentres no Bierzo Oeste o idioma materno é o galego, na Cabreira, unha boa parte deles falaban o leonés. Outro dato a ter en conta para establecer esta diferenza co Bierzo Oeste é a densidade algo menor de gaiteiros existente na zona da Cabreira que, ou ben se pode explicar como unha extensión provocada por efecto da moda, por fenómenos (esta vez si) de influencia que veñen de vello, ou ben ser produto da existencia dunha extensión máis xeneralizada da gaita no territorio do noroeste peninsular que desde o seu momento máis álxido,  na Idade Media, foi dexenerando a un ritmo máis acelerado nestas zonas ata case perderse no século XX (lembremos que a gaita está presente tamén noutras comarcas leonesas chegando ás portas de León capital) e que o número de gaiteiros diminúe ostensible e proporcionalmente a medida que se separa dun núcleo ou hábitat digamos “favorable”, neste caso o da cultura galega, onde se atopa con máis vigor e, polo tanto, con maior capacidade de resistencia e/ou adaptación ante a dita tendencia a desaparecer.  

Vaiamos avanzando pois na procura dun mapa de situación, un válido para poder abordar outros asuntos, e que responda a realidade da presenza da gaita no Bierzo no século XX. Pero ese mapa aínda precisa esperar en tanto non afondemos na relación Bierzo-Cabreira como nesoutra relación, aínda non mencionada, a do Bierzo con Asturies, que desexamos tratalas con maior fondura máis adiante.  Ese mapa deberá ser máis rigoroso que o xa citado na entrada anterior, deberá procurar máis datos, aínda que unha exhaustividade total sempre é moi difícil de conseguir: Cremos que cos datos que manexabamos xa a finais dos 90 e dalgunhas outras indagaciois posteriores máis recentes poderiamos concluír un mapa máis obxectivo e acorde coa realidade da gaita e dos gaiteiros do Bierzo no que se fai máis evidente algo que vimos destacando:  O maior número de gaiteiros no territorio galego falante do Bierzo. 
Outramente  hai que ter en conta que esa presenza maior de gaiteiros no Bierzo de fala galega é semellante á que presenta a extensión da gaita en comarcas galegas veciñas coma o Caurel ou Valdeorras, o que avala a tese de que as fronteiras administrativas, máis recentes, e as culturais e lingüísticas, máis antigas, sonche ben distintas.

viernes, 28 de diciembre de 2012

A lingua da gaita e dos gaiteiros do Bierzo (I)


Nesta entrada imos afondar sobre a presenza e a densidade numérica dos gaiteiros na nosa comarca contrastando ademais  dita extensión coa das linguas que se falan no Bierzo. A razón desta relación entre a lingua e a gaita, aínda que é obvia, axiña a explicaremos.  A súa singularidade outórgalles carácter de símbolo dunha cultura, elementos esenciais da mesma e cremos que pode axudarmos no noso achegamento ao fenómeno cultural, esa diversidade e ese encontro de culturas que vive o Bierzo. 


Observemos a ilustración de máis arriba. É un mapa da páxina 198 do libro Etnografía y Folclore de las comarcas Leonesas titulado “EL BIERZO” que José Luis Alonso Ponga e Amador Diéguez Ayerbe publicaron no ano 1984 e que pretendía dun xeito gráfico determinar  “a extensión da gaita no Bierzo e gaiteiros deste século”, é dicir, do século XX. Pois ben, trátase dun mapa no que se destacan tan só 21 lugares onde viviron gaiteiros (hoxe case todos eles xa falecidos).  A primeira vista apreciamos a súa falta de rigor pois en 4 casos non se citan nomes, só aparece citado o lugar e, pola contra, hai dous concellos nos que se detallan os nomes e apelidos de varios gaiteiros.   

Antes de proseguir coa análise dos datos reparemos na relación de lugares citados e dos nomes dos seus gaiteiros que agrupamos por concellos:
 Oito gaiteiros do Bierzo Oeste :
- Barxas: Amadeo, gaiteiro de Albaredos.
- Corullón: José Farelo, gaiteiro de Hornixa.
- Oencia:  Benxamín “Pallares”, Serafín Bao, Francisco Merezas, gaiteiros de Xestoso, Oencia e Arnado respectivamente.    
- Trabadelo:  non cita o nome do gaiteiro de Soutelo.
- Veiga de Valcarce: Celio, gaiteiro do Castro.
- Vilafranca do Bierzo: non cita o nome.
Un par de gaiteiros do Bierzo central:
- Arganza: Florencio, gaiteiro de Espanillo.
- Sancedo:  Fidel Álvarez, gaiteiro de Ocero.
Chama a atención os cinco gaiteiros de Borrés  concello da zona das Médulas:
- Borrés:  Jesús Méndez, Victor Álvarez e Leonardo “O gaiterín” de San Juan de Paluezas ademais dos gaiteiros Miguel de La Chana e José “el Rey” do propio Borrés.
Dous gaiteiros do val do Oza e os montes Aquilanos no actual concello de Ponferrada:
- Ponferrada: José Rodríguez gaiteiro de S. Pedro de Montes e de Peñalba que non se citan nomes.
E outros sete gaiteiros da comarca da Cabreira:
- Ponte de Domingo Flórez: Saturnino gaiteiro de Veiga de Yeres e Ramiro de Robledo de Sobrecastro.
- Benuza:  non cita o nome de ningún gaiteiro de Santalavilla, pero si a Joaquín Blanco, gaiteiro de Silván e a Julián Álvarez Rodríguez de Yebra.
- Castrillo:  Sergio e César, gaiteiros de Odollo.

Trátase dun mapa que ao noso parecer está mal elaborado e polo tanto é pouco clarificador, especialmente se temos en conta a cantidade de territorio que queda sen estudar e a parcialidade dos resultados que ofrece ao ser tan irregular e pouco exhaustiva  a recollida de datos coas que conta.
Esta opinión xa a fixemos pública na nosa intervención no Congreso de Etnografía e o Folclore no Bierzo do ano 1991 (e logo parecería editada na Revista do IEB nº16). Daquela  tivemos ademais a ocasión de falar brevemente cun dos autores deste libro, o propio J.L. Alonso Ponga, que  xustificaba esa imprecisión referida aos datos dos gaiteiros ao ter que abordar nun só libro a totalidade da Etnografía da comarca berciana.
 Mais esa falta de rigor no mapa non é un defecto puntual neste traballo de Alonso Ponga e Diéguez Ayerbe.  Se lemos con atención o capítulo titulado Instrumentos de música tradicional dedicado aos instrumentos musicais populares do Bierzo constatamos que dito mapa forma parte dunha estratexia evidente: a intención de minimizar a presenza da gaita no folclore do Bierzo. Por que? Cal era o motivo desta intención de marxinar a gaita de fole?

Puideramos pensar que os autores realmente preocupados por outros aspectos da etnografía descoidaran este aspecto ou non reuniran datos suficientes como para poder afondar e valorar no seu xusto termo a extensión da gaita na comarca. Pero se lemos outros apartados do libro como, por exemplo, a súa Introducción, confirmaremos a existencia de serios prexuízos cos que foi tratada, sen ningún xénero de dúbidas, a gaita e todo o que era susceptible de ser ou parecer propio da cultura galega.

Deteñámonos, só por un momento no único titular que se inclúe na introdución antedita do libro ao que facemos referencia. O titular é moi elocuente pois interrógase “¿Galleguismo berciano? para logo dicir:
 “ Hablando del Bierzo siempre sale a colación un tema ya tópico: el de su galleguismo. Mito siempre aducido y nunca demostrado. Siempre aducido por aquellos que han visto cómo en los últimos tiempos el Bierzo se ha ido castellanizando paulatinamente. Evidentemente, el Bierzo no es Castilla, pero tampouco (desde el punto de vista de la cultura popular) es Galicia.
El Bierzo es una de las comarcas leonesas que como tantas otras zonas de transición, de encrucijada cultural, con un fuerte sustrato leonés, similar al de las comarcas vecinas –Maragatería, Caneda, Omaña, Laciana-, pero que también en estrecha relación cultural con zonas de las regiones limítrofes”.

Os autores ao achegarse ao noso folclore e a nosa etnografía viñan cargados dunha serie de apriorismos que deforman os resultados do seu traballo e cos que os lectores deben contar desde o mesmo principio do texto publicado.  E eiquí é a onde quixeramos agora chegar nós tamén como un primeiro paso que vos propoñemos para seguir indagando nesa relación tan “maléfica” que tein a gaita e mais a lingua galega como manifestaciois máis visibles e notorias que son da cultura galega existente no Bierzo.
                                                                                                                      ( continuará)

miércoles, 26 de diciembre de 2012

Un século de gaiteiros nos lindes culturais galegos


 A continuación como primeira entrada desta etiqueta dedicada á documentación con fondos bibliográficos  sobre a gaita e os gaiteiros no Bierzo (non sempre doados de atopar) colgamos esta comunicación presentada por Héctor M. Silveiro Fernández como presidente da Escola de gaitas de Vilafranca do Bierzo, no Congreso de Etnografía y Folklore en el Bierzo do Instituto de Estudios Bercianos (Ponferrada 25-28 de setembro de 1991) que posteriormente foi editada na Revista do IEB nº 16 (setembro de 1992).

Precisamente na clausura deste evento a Escola de Gaitas realizou unha actuación memorable con pezas dos nosos gaiteiros á que pertence a seguinte fotografía: 


Lembra que podes ampliar esta imaxe clicando nela para podela ler mellor.





A gaita de sabugueiro ou bieiteiro

Esta gaita que eiquí vedes fíxoa  Pablo Carpintero, un estudoso e autor do libro "Os instrumentos musicais na tradición galega".
Pero nós sabemos que Eduardo González, gaiteiro dos Ancares, coma outros muitos gaiteiros consultados, comezaron a súa andaina no mundo da gaita aprendendo a tocar cunha destas gaitas de sabugueiro ou "bantieiro"( así lle chamou Eduardo á árbore coa que fixo a súa primeira gaita), noutros lugares facíana de cana ( no Bierzo esta planta non abunda, de aí que se fagan de sabugueiro "sambucus nigra") . En ocasiois incorporábanlle un fol de vexiga de porco que vestían para que non rebentase cun traxe feito de calquera tea ( Eduardo confesounos que usara unha media vella da súa irmá).

Podedes saber máis, mesmo como soa e como se constrúe esta primitiva gaita que servía habitualmente para dar os primeiros pasos neste mundo de gaitas. Tamén podedes ver no seguinte vídeo a Pablo Carpintero facendo unha gaita, esta vez de cana.



Gaiteiros na fronteira? Non, gaiteiros do país

Este documental sobre o gaiteiro Eduardo González, vecín do Bierzo, aínda que nacido en Castelo de Frades (Cervantes), é residente desde hai anos (1986) no municipio de Camponaraia (vén moi a conto este topónimo da "Campo na raia"). Será pois un gaiteiro da fronteira?
Antes de falar da gaita no Bierzo e dos nosos gaiteiros cremos que debemos repensar e reflexionar de vagar, con calma e sen prexuízos sobre as fronteiras que hoxe dividen administrativamente ao Bierzo de Galicia, fronteiras que tan só levan vixentes dun xeito oficial desde o século XIX (1833) e dun xeito oficioso algo máis de tempo. No pasado mesmo O Bierzo xunto con Valdeorras chegaron a constituirse como unha Provincia en 1822, pero aquilo durou pouco e o que a nós nos importa agora é o sentir dos seus veciños dun tempo a esta parte.  Reparemos logo neste dato máis recente: parece que para os habitantes de máis idade do denominado actualmente Bierzo Oeste (é dicir, A Veiga, Balboa, A Somoza, Corullón, Oencia...) o Bierzo eran as terras do val, non as da montaña onde vivían. Mantiñan, iso si, unha relación moi fluída, tanto cara o val, como cara ao outro lado da montaña, sen sentirse por iso en espazos moi distintos nin distantes. Era a contorna, cultura e sociedade idénticas nas que facían a vida e que hoxe son terras que están en dúas Comunidades distintas. Aquel espazo era o seu pequeno "país",  efectivamente eles eran "gaiteiros do país", é dicir, da contorna.
Deixamos eiquí outro documento, nada sospeitoso de galeguismo, que podemos tamén visionar  para seguir pensando na interrogante, son especialmente interesantes os primeiros oito minutos, trátase dun vídeo sobre Balboa e San Román de Cervantes 

Un gaiteiro berciano a comezos do XX


Este cadro titulado  "Fiesta popular con gaiteiro" pertence ao pintor berciano Primitivo Álvarez Armesto, nacido en 1864 na Veiga de Valcarce. Polo que sabemos grazas ao tamén autor berciano Ramón Carnicer (este vilafranquino) a través do estudo sobre a vida e obra deste artista , pintouno na súa  derradeira etapa na que estaba asentado en Buenos Aires,  nunha data aínda sen establecer entre o ano 1910-1939. Hoxe o cadro é propiedade dun colecionista particular de León.

Como ben se pode apreciar o artista retrata cun estilo realista unha escena costumista que transmite e documenta a presenza tradicional do gaiteiro na nosa comarca  que a comezos de século era moi habitual actuando como solista e acompañado tan só por un tamborileiro que non era raro que fose un rapazolo, mesmo familiar do intérprete. O cadro reproduce un momento da festa ao pé da igrexa (non sabemos se responde a un lugar concreto ou é unha reacreación do autor, pero parece que quere reproducir os sons da mesma ao facer estalar no ceo uns foguetes) no que o gaiteiro parece interpretar unha peza bailable pois varios mozos formas filas bailando ao solto unha muliñeira?...unha jota? iso temos que imaxinalo. É de destacar tamén o coidado dos detalles na reprodución da indumentaria tradicional e outros elementos da cultura material que reproduce como o carro do país.
Trátase pois dun cadro no que se testemuña no Bierzo a presenza dos nosos músicos tradicionais, un gaiteiro anónimo de finais do XIX ou comezos do XX.

Somos o que recordamos


 Como di Manuel Rivas "somos o que recordamos..."

GAITEIROS DO BIERZO é un exercicio de memoria para reparar na nosa riqueza cultural, do noso patrimonio tradicional …
O século XX foi o que transformou definitivamente o concepto vixente na cultura rural que o Bierzo e a súa contorna vivían.
 Conscientes desta transformación, somos testemuñas das últimas xeraciois de gaiteiros e pandereteiras que se criaron no declinar dese mundo tradicional. A propia evolución dos acontecementos dános a oportunidade e, á vez, esixe de nós que ofrezamos este patrimonio ás novas xeracois do século XXI nas mellores condiciois posibles.
Eivas ou carencias que atopamos son obvias. Vivimos no devir dunha tradición que no XIX- XVIII e XVII tivera pleno vigor, elementos que seguramente en parte subsisten por tradición oral grazas á oralidade de tempos máis remotos (Idade Media) mais vivimos nunha gran Aldea global da uniformización e o desleigo abafantes e poderosos.
Daquel vigor da tradición nós só percibimos ou somos capaces de reconstruír unha parte ben pequena (un 20% no mellor dos casos), pero por pequena que sexa, iso si,  serve de luz e de clarificación para os nosos días, porque as consecuencias de sufrir ao longo do século XX  varios procesos graves de distorsión evidente dese mundo vímolas, en gran medida, plasmadas na visión deformada que se pode ter dun importante conxunto patrimonial en desuso de costumes. Esta deformación faise evidente en libros e publicaciois nos anos 50,60,70...(e outras máis recentes), das que iremos dando conta, pois precisan un contrapunto para colocar no seu sitio os feitos e observar o que ata nós chegou sen prexuízos ou marxinaciois (terxiverxaciois), unhas interesadas e outras produto dunha falta de rigor. Nós mesmos tamén actuamos ás veces con precipitación ou apriorismos dos que debemos saber sobrepoñermos e ante todo ser fieis ao noso patrimonio co respecto que merece, entendéndoo coma un legado que é necesario conservar nas mellores condiciois, sen deturpaciois.  Fagamos memoria e recoñezamos o noso pasado no legado que chegou ata nós nas maos dun pobo traballador e humilde de labregos, pero moi rico e fecundo culturalmente.
  

A MODO DE EDITORIAL DO BLOG

GAITEIROS DO BIERZO pretende ser un aporte máis para a difusión e o estudo dos gaiteiros e da gaita no Bierzo, por iso ademais de ofrecer novas sobre o mundo da gaita e as gaitas do mundo, queremos especialmente ofrecer o que sabemos, algo do noso traballo e da información que, como a primeira Escola de Gaitas creada no Bierzo (no ano 1981), fomos quen de recoller.  Engadimos tamén algunhas páxinas que se editaron sobre a gaita e o seu mundo nesta comarca que, polo seu carácter fronteirizo é un espazo interesante para observar o que aconteceu con este intrumento tradicional e os seus intérpretes ao longo do século XX.

 Se ben o Bierzo como Galicia e Asturias son terras onde o instrumento estaba presente de xeito tradicional, pola contra nas comarcas veciñas de León tamén tocaron a gaita como instrumento tradicional, aínda que a súa presenza era claramente menor, cousa que pode chamar a atención dos seus usuarios actuais neste século, que viven unha expansión inusitada e de implantación moi recente sobre a que esperamos poder reflexionar neste blog.

Outramente, como amantes da tradición que somos, cabe esperar que nos ocupemos a maiores doutra preocupación que vimos denunciando, como é a práctica de certas agrupaciois que aseguran ser defensoras da cultura propia, pero que, ben por descoñecemento, ou ben con plena conciencia, fan uso de instrumentación, repertorios e outras prácticas alleas ao noso floclore e pouco, ou nada, acordes coa nosa tradición.

Agardamos non decepcionarvos.